Os anos escuros de Franco Grande é o testemuño dunha época fundamental para a cultura galega. Galaxia publícao nunha nova edición ampliada. Franco Grande transmítelle ao lector ou lectora o pulso e o ambiente do que foi a resistencia cultural dunha xeración.
A renovación da Real Academia Galega, o papel de figuras como Ramón Piñeiro, Borobó e Domingo García Sabell e a evolución do galeguismo ata a chegada da democracia son algúns dos eixos que Xosé Luís Franco Grande escolle para trazar o retrato dunha xeración e dun tempo no que a cultura serviu como muro de resistencia fronte á represión franquista das reivindicacións de Galicia como cultura e nación con identidade de seu.
A man do poeta recoñécese na viveza coa que relata aqueles anos trascendentais. A reflexión sobre o pasado e, a par dela, a recuperación da memoria histórica fan de Os anos escuros un libro indispensable para entendermos a Galicia de hoxe. Feitos e persoeiros dunha época xorden das páxinas deste libro no que historia, lembranzas e literatura conflúen para nos achegar parte da realidade galega do século XX nunha visión persoal e intensa.

Nace en Tebra (Tomiño) no ano 1936 e falece en Vigo no ano 2020. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu en Vigo a profesión de avogado. En 1978 foi nomeado académico de número na Real Academia Galega e leu o seu discurso de ingreso en 1998. Foi nomeado fillo predilecto do concello de Tomiño en 2011.
En 1967, publicou Entre o si e o non, co que obtivo o Premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro. Autor do xa histórico Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), a súa obra poética publicouse reunida no volume Herdo de memoria e tempo (1987). En 2004, reeditou, ampliado, Os anos escuros, o seu testemuño sobre a resistencia cultural, e, en 2009, Cando o futuro comezaba, a súa correspondencia con Ramón Piñeiro entre 1955 e 1990. En 2013 deu ao prelo o ensaio Outra política para outros tempos e en 2015 o poemario Xoguetes do tempo.
En 2025 publícase baixo o título Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017) unha recopilación dos seus catro poemarios: Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e o Libro das abandonadas (2017).