O pasado sábado despedímola familiares e amigos no cemiterio compostelán de Boisaca. As súas cinzas quedarán depositadas no cemiterio parroquial da vila de Castropol, a carón das do seu esposo Fermín Penzol Labandera (1901-1981). Un e outra foron a alma da Fundación que leva o seu nome, creada en 1963 na órbita de Editorial Galaxia. fondo histórico fundamental para a memoria do galeguismo e da cultura galega.
Alfonso Zulueta, presidente da Fundación Penzol, pronunciou unhas sentidas palabras en Boisaca, logo da cerimonia fúnebre que ordenou o teólogo Andrés Torres Queiruga. "Unha vida entregada á memoria do seu esposo, continuando o labor que este iniciou de moi novo e que souberon facer e desenvolver xuntos: reunir a memoria de Galicia en tempos moi difíciles, reunindo un dos fondos documentais e bibliográficos máis ricos da cultura e da lingua galega: a Fundación Penzol".
"Sentimos o pasamento de Blanca Jiménez Alonso, viuva de Fermín Penzol, coma quen perde un ser moi próximo, moi querido para todos nós. Mesmo ao final da súa vida, xa con moitos problemas de saúde, seguía atentamente o desenvovemento da Fundación, preocupada pola súa actividade e pola continuación dos proxectos iniciados".
Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926) casou con Fermín Penzol en decembro de 1948 e dende entón desenvolveron xuntos unha intensa actividade a prol do máis importante fondo documental da cultura galega sostido por unha institución privada e civil. Ao falecemento de Fermín en 1981, Blanca asumiu a presidencia da Fundación e, posteriormente, a presidencia de Honra, a causa dos problemas de saúde que nos últimos tempos a tiveron retirada na Coruña.
Era conselleira de Editorial Galaxia, empresa á que tanto Fermín coma ela se sentiron vencellados dende a creación da mesma en 1950. En febreiro de 1997 a Asociación de Mulleres "Diálogos 90" recoñeceuna como "Galega destacada", galardón que lle entregou solemnemente o alcalde de Vigo. No ano 2002 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, entre 2001 e 2004, en representación da Fundacion.
• A Fundación Penzol: traballar para a memoria
A Fundación Penzol constituíuse o 5 de maio de 1963. No próximo ano cumpirá 50 anos de existencia. Naceu vencellada ao proxecto de Editorial Galaxia en parte pola relación estreita que Fermín mantiña dende había anos con Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego e outros fundadores da editora, todos eles vencellados históricamente ao Partido Galeguista e as Mocidades Galeguistas antes e despois de 1936.
Na actualidade a Fundación está ubicada na Casa da Cultura da cidade de Vigo. Durante anos o seu director foi Francisco Fernández del Riego, a quen sucedeu en 2010 Francisco Domínguez.
A partir dos importantes fondos iniciais de Fermín Penzol, continuados e apoiados por Blanca Jiménez Alonso, a Fundación dispón hoxe de case que 40.000 monografías, 2.000 publicacións periódicas, case que 7.500 publicacións especiais, 150 manuscritos, cartografía, correspondencia, folletos, fotografías, carteis… Blanca Jiménez Alonso mantivo viva durante toda a vida o alentó que inspirou a obra do seu esposo. En palabras de Alfonso Zulueta, presidente actual, "a nós cómpre agora saber continúala e estar á altura dos fundadores".