A última promoción de alumnos e alumnas do Instituto Arxentino Santiago Apóstol, que estes días percorreron Galicia en viaxe de estudos, fillos e netos de galegos, visitaron a casa grande de Ramón Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro). Foi un dos encontros máis emocionantes, coa memoria da Xeración Nós, o mapa de Domingo Fontán que tanto impresionara no seu día a Adrián Solobio, o escritorio e a toga de catedrático, os libros de don Ramón, o seu espazo familiar…
A visita a Trasalba foi unha actividade programada polos responsables do centro dende a saída de Buenos Aires, igual que á casa de Rosalía de Castro en Padrón, a Real Academia Galega na Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol en Vigo, Editorial Galaxia, etc.
O día axudou. As luces do outono aseñoraban os chaos de Amoeiro e as bocarribeiras do Avia. Unha das alumnnas leu un fermoso texto de Otero Pedrayo na bilblioteca. Como membranza deixaron unha placa en representación da Galicia nova de alén mar, mozos e mozas que levan no corazón a presenza dos seus avós, unha cultura viva, que non renuncia a continuarse a si mesma mesmo alén das súas fronteiras.