A obra de Federico García Lorca continúa inspirando novas creacións artísticas. A película La bola negra, dirixida por Javier Calvo e Javier Ambrossi, entrelaza as vidas de tres homes en tres épocas distintas, unidas pola sexualidade, o desexo, a dor e a herdanza. No centro desta historia atópase unha das últimas obras, inacabada, do escritor granadino.
Esta nova aproximación cinematográfica pon de manifesto a vixencia dun autor cuxa literatura continúa dialogando co presente e explorando cuestións universais como a identidade, a liberdade e a condición humana.
O seu legado tamén está presente no catálogo de Editorial Galaxia, con dúas publicacións que permiten achegarse á súa creación literaria e á súa estreita relación coa lingua e coa cultura galegas.
Poeta en Nova York
Traducido por Suso Díaz.
Texto hipnótico, serviulle ao seu autor para explicar que os negros poden ser xitanos andaluces, e que o blues é flamenco, que todas as persoas senten igual en calquera lugar do mundo e que debaixo do asfalto de Manhattan latexa unha vida extraordinaria e marabillosa.
Un clásico da literatura universal que tamén podemos ler na nosa lingua.
É a Lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca
A relación de Federico García Lorca coa cultura galega está presente neste volume recupera a faceta filolóxica, lectora e investigadora de María Victoria Moreno.
O libro inclúe o seu estudo sobre a «Danza da lúa en Santiago», os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, comentarios da autora á «Cantiga do neno da tenda» e un estudo introdutorio do académico e profesor Xesús Alonso Montero.
Unha publicación que permite afondar na vinculación do poeta coa nosa lingua e descubrir a mirada de María Victoria Moreno sobre a súa obra.
Un legado que continúa vivo
A chegada de La bola negra ofrece unha nova ocasión para volver á literatura de Federico García Lorca e descubrir a capacidade da súa escrita para atravesar épocas, linguaxes e xeracións.
Convidámosvos a seguir explorando un autor infindo.