Iria Collazo presenta “A muller de mentira” na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Blog

Hoxe, mércores 1 de xullo, ás 19:15 h, celebrarase na Feira do Libro de Vigo, na Praza de Compostela, un encontro con Iria Collazo López arredor de A muller de mentira, obra gañadora do Premio García Barros 2026.

Acompañando a autora, estará Marcos Calveiro, director xeral de Editorial Galaxia; e David Cortizo (Editorial Galaxia).

A novela presenta unha protagonista que sente que nunca foi tomada en serio e que vive atravesada polas miradas dos demais, como se non existise. A partir dunha voz que se define como un “animal imaxinario”, un “personaxe de conto” e unha “muller de mentira”, a obra afonda na percepción da identidade, na falta de credibilidade e no derrubamento dunha vida que parecía ser apenas un ensaio.

Iria Collazo naceu en Barro en 1981 e reside desde os sete anos en Moaña. É profesora de Ensino Secundario e autora de varias obras publicadas por Editorial Galaxia, entre elas “Coma unha áncora” (2015), “A soidade das medusas” (2016) e “A casa do paralelo 54” (2019), pertencentes á colección Costa Oeste.

En 2020 publicou o poemario “De casa queimada”, gañador do segundo premio do certame Torre da Caldaloba. En 2021 recibiu a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia, que lle permitiu realizar unha estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi e rematar “Os mortos que amei”, unha obra dedicada á memoria dos seus avós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email