XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo 2026
O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), co patrocinio do Concello de Gondomar e a colaboración da Editorial Galaxia na edición da obra premiada, convoca o XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo.
O galardón está dotado con 3.000 euros. Ademais, a persoa gañadora poderá percibir ata 1.000 euros adicionais se, de forma voluntaria e non excluínte, acepta impartir un curso de poesía entre os meses de xaneiro e marzo de 2027, con anterioridade ao acto de entrega do premio, que terá lugar arredor do 22 de abril de 2027.
A persoa gañadora recibirá tamén unha escultura conmemorativa realizada por Fino Lorenzo, quen a doa desinteresadamente.
O premio rexerase polas seguintes bases:
Bases
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 400 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse con letra de corpo 12 a través do Formulario de Participación, ao que se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://form.jotform.com/iem20002026/PremioVictorianoTaibo
Nese formulario indicarase o título co que se presenta a obra e o pseudónimo escollido pola autora ou autor. Tamén se cargará un arquivo coa obra en formato PDF.
O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría real.
Enviarase tamén unha copia en papel, con letra de corpo 12, nun sobre pechado identificado polo pseudónimo e o título indicados no formulario. Así mesmo, dentro deste sobre, xunto co traballo, incluirase outro sobre pechado identificado co devandito título, que conterá os datos persoais: nome, apelidos, copia do DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico.
O xurado só abrirá este último sobre no caso de que o traballo resulte premiado.
Os traballos deberán remitirse por correo postal ao seguinte enderezo:
XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo
Instituto de Estudos Miñoráns
Apartado de Correos nº 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 30 de setembro de 2026.
5. Os traballos presentados non serán devoltos e destruiranse tras o fallo do premio.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1.000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A organización poderá ofrecer á persoa gañadora a impartición dun obradoiro presencial de poesía en Gondomar entre os meses de xaneiro e marzo de 2027. A aceptación desta proposta será totalmente voluntaria e, de ser aceptada, estará remunerada con 1.000 euros. A renuncia a impartir o obradoiro non afectará en ningún caso á concesión nin á percepción íntegra do premio.
O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio. O obradoiro poderá facerse de forma telemática no caso de que a persoa gañadora resida fóra de Galicia, feito que deberá acreditarse debidamente.
A persoa gañadora tamén se compromete, sen custo, a formar parte do xurado na seguinte edición do premio no caso de ser solicitada pola organización.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.
Obras premiadas en edicións anteriores
O Premio de Poesía Victoriano Taibo recoñeceu ata o de agora as obras das seguintes escritoras e escritores:
- 2008: Carlos Negro, con Cultivos transxénicos.
- 2009: Mª Carmen Caramés, con Cuarto minguante, e Elvira Riveiro e Silvia Penas, con Biografía da multitude.
- 2010: Mª Goretti Fariña, con Devastacións dispoñibles.
- 2011: Calros Solla, con Holocausto Zacoe.
- 2012: Conchita Álvarez Lebredo, con Distancias e simetrías.
- 2013: Ramón Sandoval, con Territorios estraños.
- 2014: Lara Rozados, con O caderno amarelo.
- 2015: Iñaki Varela, con Do outro lado das portas.
- 2016: Xosé Iglesias, con A relixión do mar.
- 2017: Rafa Vilar, con Erosións.
- 2018: Laura Cuba, con A situación actual.
- 2019: Fran Fernández Davila, con Mover os marcos.
- 2021: Arancha Nogueira, con Antese.
- 2022: Javier Rodríguez González, con Xeración breve. Tratado de males inespecíficos.
- 2023: María Álvarez Martínez, con Dakota.
- 2024: Antón Blanco Casás, con Bosque.
O IEM, o Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia queren, a través deste premio, enxalzar a figura de Victoriano Taibo, escritor e mestre na parroquia de Morgadáns, e contribuír ao crecemento da literatura na nosa lingua, convertendo Gondomar e este premio nunha cita imprescindible para as Letras Galegas.