O martes 9 de xuño, celebrarase, ás 19 h, na libraría Moito Conto da Coruña, a presentación de Elas dúas, Premio Álvaro Cunqueiro 2025, de Luís Rei Núñez.
Acompañando o autor, estará Olivia Rodríguez González, profesora e crítica.
A obra reconstrúe unha historia de pequenos segredos e un grande amor entre mulleres na Galicia dos anos cincuenta, marcada polos silencios, os tabús e a vontade de seren donas de si mesmas nun tempo no que iso apenas podía soñarse.
A protagonista da novela é África Brea, unha moza procedente da costa de Muros que chega a Pontevedra para estudar Maxisterio. Alí coñece a María Viviana Mariño, unha profesora apaixonada pola música coa que establecerá un vínculo atravesado polas intermitencias sentimentais, os pequenos segredos e a vontade compartida de seren donas de si mesmas.
Elas dúas afonda nas relacións humanas e nas formas íntimas de resistencia de quen tenta construír a súa propia vida á marxe das imposicións sociais. A novela retrata unha época marcada polas limitacións, mais tamén pola procura da liberdade persoal.
Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) criouse entre A Coruña e Tal. Foi neno dos recados, vendeu enciclopedias porta por porta, practicou o atletismo, estudou Dereito, militou no antifranquismo e exerceu o xornalismo durante catro décadas. Ademais de Elas dúas (Premio Álvaro Cunqueiro 2025), a súa obra narrativa inclúe as novelas Expediente Artieda (Premio Xerais 2000), O señor Lugrís e a negra sombra (Premio da Crítica Española e Premio da Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2007) e Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009). Tamén é poeta (Estrela do norte e As sílabas do mundo) e coautor, co artista Federico Granell, de A illa de San Simón. Vive entre Pontevedra, onde dirixe a colección de poesía Tambo, e Tal, onde rexenta unha casa de vacacións e remata os seus libros. Ten unha páxina web persoal: www.luísreinúñez.com.