Kim Puime gaña a VII edición do Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada

Categoría: Nova

Reunido en Pontevedra o 6 de xuño, o xurado da VII edición do Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada, integrado por Kiko da Silva, debuxante e responsable do Garaxe Hermético; Teresa Valero, debuxante; e Marcos Calveiro, director de Edicións Galaxia, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra Merlín e familia, adaptación da obra homónima de Álvaro Cunqueiro presentada baixo o pseudónimo de Pardal. Unha vez aberta a plica, resultou ser autora da proposta Kim Puime.

O xurado destacou que se trata dunha adaptación á banda deseñada moi fiel ao espírito da obra orixinal, mais ao tempo profundamente persoal e innovadora. Valorou especialmente o equilibrio entre texto e imaxe, a forza expresiva do relato, o seu grafismo contemporáneo con ecos da estética románica e a reinterpretación da mitoloxía desde unha perspectiva propia, capaz de actualizar o clásico e facelo dialogar co lectorado actual.

Debido á alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu tamén distinguir como finalista o proxecto Alfa, presentado baixo o pseudónimo de Xinchi e que, tras a apertura da plica, resultou ser obra de Xian Caamaño Caramés.

“Alfa”, de Xián Caamaño Caramés

Sobre Alfa, o xurado salientou o seu debuxo de filiación cartoon, expresivo e cheo de matices, o uso coidado da cor ao servizo da narración, as composicións de páxina dinámicas e imaxinativas e a reflexión crítica sobre as novas masculinidades que desenvolve a través dunha historia con estrutura de fábula.

A entrega dos premios celebrarase o 27 de xuño, dentro das actividades da IV edición do Festival BDra Gráfica, en Pontevedra. Ambas as obras serán publicadas por Galaxia ao longo do ano 2027, dentro das coleccións Novela Gráfica e BD, respectivamente.

Kim Puime, residente en Pontevedra, é alumna do Garaxe Hermético, finalista do premio de fin de curso de 2019 da escola profesional e creadora do fanzine a catro mans Corpos.

Xian Caamaño Caramés, tamén residente en Pontevedra, é graduado en Belas Artes e alumno do Garaxe Hermético. Ademais, un cartel da súa autoría resultou gañador do concurso do Entroido de Pontevedra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email