E se o amor fose un servizo máis?
Esta é unha das preguntas que atravesan A noiva cuántica, a novela coa que Xosé Cid Cabido regresa á narrativa cunha historia ambientada na cidade de San Francisco e protagonizada por Paul Rothko, un home que traballa como acompañante de persoas solteiras para a axencia Good Friend.
Ao longo da novela, seguimos os seus peculiares servizos, os encontros con diferentes clientas e mesmo a súa relación cunha nena de sete anos que amosa máis sentido común ca moitos dos adultos que a rodean. Todo isto mentres intenta comprender unha noiva imprevisible que aparece e desaparece da súa vida sen previo aviso.
Con humor, ironía e abundantes referencias cinematográficas, A noiva cuántica aborda cuestións moi presentes na sociedade actual, como a soidade e a incomunicación nas grandes cidades, a mercantilización das relacións persoais, os cambios nos roles de homes e mulleres, a evolución da arte contemporánea, a revisión do amor romántico ou a influencia das redes sociais nos nosos costumes.
O regreso de Cid Cabido chega con A noiva cuántica, a súa primeira novela tras oito anos de silencio literario.
Xosé Cid Cabido (Xunqueira de Ambía, 1959) é unha das voces máis innovadoras e vangardistas da narrativa galega. No conxunto da súa obra destaca o libro de relatos Días contados (1991), as novelas grupo abeliano (Premio Blanco Amor 1999), Unha historia que non vou contar (2009) e Tres pintores (Premio Ánxel Fole 2018).