Centenario de María do Carme Kruckenberg, en Vigo

Categoría: Nova

O mércores 3 de xuño, celebrarase, ás 19 h, no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol), en Vigo, con motivo do centenario do nacemento de María do Carme Kruckenberg, unha xornada de homenaxe.

O acto de lembranza, coordinado por Malós Cabrera e Malores Villanueva, padroeiras da Fundación Penzol, constará de dúas partes:

  • Conferencia “A onde fun, tornei a Vigo”, ditada pola súa biógrafa, Mercedes Queixas, que tratará da súa vida e a súa obra.
  • Recital de poemas seus na voz de Luísa Abad, Pepe Cáccamo, Oriana Méndez e Silvia Penas.

María do Carme Kruckenberg pertence á denominada Promoción de Enlace e formou parte da xeración de escritoras galegas de posguerra, xunto a Luz Pozo e Pura Vázquez.

Da súa obra, composta por unha trintena de poemarios (dez en castelán e vinte en galego), salientan títulos como Las palabras olvidadas (1953), Cantigas do vento (1956), Jazz espido. Un e dous (2011) e, nomeadamente, Canaval de ouro (1962) e A sombra ergueita (1976). No ano 2000 publicou a antoloxía Poesía case completa. Fixo tamén algunha incursión na narrativa breve, recollida postumamente, en 2017, en O morto asasinado e outros contos.

Entre os recoñecementos recibidos, destacan o Premio de Viguesa Distinguida (1994), o Alecrín (1997), a Medalla Castelao (2002), o premio da AELG Homenaxe á Escritora na súa Terra (2007) e mais o Premio Laxeiro (2011).

O seu arquivo literario, doado pola súa filla, Cristina Pusone, por vontade da propia da autora, custódiase na Fundación Penzol.

Pódese visitar a exposición virtual María do Carme Kruckenberg. Vivir, unha aventura irrepetíbel a través da páxina de Máis Galaxia, premendo aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email