Editorial Galaxia anuncia a incorporación ao seu catálogo de Andrés do Barro. A xénese do pop en galego, a nova obra de Fernando Fernández Rego, que chegará ás librarías nas próximas semanas.
Neste volume, o autor achéganos á intensa vida de Andrés do Barro, marcada polo éxito e tamén polas dificultades que o acompañaron, ao tempo que ofrece un retrato da Galicia da época. O libro percorre as primeiras formacións beat, o Movemento Popular da Canción Galega e o contexto da censura que afectaba ás cancións en galego, catalán e éuscaro.
A obra propón un percorrido pola figura do cantante ferrolán, pioneiro na fusión da música popular co pop e unha das voces fundamentais da música galega. Unha traxectoria que hoxe continúa a ser reivindicada pola súa modernidade, o seu compromiso coa lingua e o seu papel innovador dentro da cultura.
FERNANDO FERNÁNDEZ REGO (Ferrol, 1979) é licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa como profesor de educación secundaria. Ademais, é administrador da web musical LaFonoteca.net, coordinador da sección de música da revista Grial, escribe para Mondosonoro e Rockdelux e colabora con múltiples plataformas, tanto dixitais coma impresas.
Publicou a novela Desorden (2009) —un tratado de existencialismo pospunk—, abarcou o relato e a poesía en Blues from a gun: secuencias interiores (2011), publicou ensaios como Unha historia da música en Galicia 1952-2018 (Galaxia, 2019), o libro-CD 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega (2010) e Galicia en clips (2012), este último xunto a Pablo Portero, e Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo e underground (Galaxia, 2024); e biografías, como a da banda de Lugo Los Contentos, Cuando ríes. Los Contentos (unos malditos pioneros del garage) (2014, xunto a Piti Sanz), Andrés do Barro. Saudade (2015) e Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo (Galaxia, 2022).
Tamén comisionou exposicións como Andrés do Barro: pop, saudade e memoria. Unha ollada dende Ferrolterra (2021) e Ferrol underground 1985-2021 (2021).
Xunto a Sergio Sequeiro (Carrero Bianco, Chicharrón, TechnoChico) é o responsable do selo discográfico Ferror Records.