8M. Unha loita de todas as persoas

Categoría: Blog, Nova

Dende a Editorial Galaxia amosámonos como firmes defensoras da loita feminista en prol da igualdade entre homes e mulleres. O 8M é só un recordatorio do que se debe defender cada día: a liberdade, a igualdade de oportunidades, a diversidade, a dignidade, a valentía, a abolición da opresión ou do machismo que se mestura en toda a sociedade, dunha maneira ou doutra…
Avanzamos pero sabemos que, desafortunadamente, aínda queda moito por facer, polo que seguiremos loitando.
A colección Feminismos que, dende Galaxia, botamos a andar no ano 2018, é unha mostra do noso compromiso coa causa. Reivindicando a efeméride, gustaríanos recomendar algunhas das nosas últimas publicacións relacionadas co movemento feminista, dándolle visibilidade a este tipo de problemática:
Isto SI é un home, de Francisco Castro, publicado na colección Feminismos, é o primeiro ensaio do escritor. Recorrendo á memoria persoal, Isto si é un home é ademais a confesión emocionante dun autor que propón o reto de seguir o seu exemplo e facerse homes feministas. Está nestas páxinas, polo tanto, o Francisco Castro máis vitalista, provocador e descarnado que non dá opcións á indiferenza debido á valentía desde a que apela aos machistas e totalitarios.
Pérez. Historia dun triunfo, de Llerena Perozo Porteiro. Unha obra que, sen afastarse nunca do sentido do humor, apelando sempre á falibilidade humana e á empatía, condúcenos nun relato áxil a través de vidas entrecruzadas. Un home de pro, machista militante e con éxito social, unha esposa sometida, unha nai rebelde, dúas migrantes vítimas do mundo da prostitución, outras dúas mulleres procedentes do rural abocadas ao servizo e unha moza urbana que conta coas ferramentas para revolucionar o mundo.
Pioneiras da ciencia en Galicia, de Rubén Rey e Eduardo Rolland. Este libro aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia no noso país. Conta, pois, a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en tempos, incluso, en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender as máis básicas cuestión da vida. No camiño que aínda nos queda por percorrer para chegar a esa igualdade, tamén no eido científico, as mulleres que aparecen neste libro resultaron esenciais.

É preciso seguir camiñando e loitando por un futuro mellor, en igualdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email