50 cabodano de A. Iglesia Alvariño

Categoría: Opinión

No centenario de Cunqueiro hai sitio para lembrar o 50 cabodano dun seu camarada do período republicano, Aquilino Iglesia Alvariño. Xuntos participaron naquelas argalladas da Oficiña Lírica do Leste Galego, que Rodríguez Fer definiu como “Factoría vangardista”, ou coincidiron en Resol e Yunque. Neses anos de luz que espreitaba Atila, tamén tomou compromiso: militou no Partido Galeguista e dirixiu A Nosa Terra.

A súa obra denantes do 36 afíncase nas ringleiras do vangardismo, con trazos imaxinistas e hilozoístas. A guerra obrígao a afastarse deica a saída de Cómaros verdes (1947), obra coñecida pro non a máis lograda, na nosa opinión. Con Nenias (1961) inaugura a colección Salnés da Editorial Galaxia.

Exercitou a súa formación na cultura clásica cunha poesía de raizames grecorromanas (traduciu Horacio ou Tibulo). Recolleu a pegada do paisaxismo herdado de Noriega Varela. Amosou unha gran riqueza lexical. A súa lírica, que non sempre foi de “lameiros e flores” (cumpría ler as nenias a Castelao ou Cabanillas escritas no período feixista), aínda é unha lectura de culto que hoxe convidamos visitar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email