En realidade, o Ano Ramón Piñeiro empezou o pasado día 19 de decembro coa lectura da tese de doutoramento do profesor Miguel Barros sobre o intelectual galeguista. Contra a primavera Galaxia publicará en dous volumes este traballo, que mereceu a máxima calificación dun tribunal presidido por Ramón Villares Paz na facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Iniciamos hai uns meses a edición da obra completa de Piñeiro, na colección literaria "Bibliotecas de Autor", onde xa saíron dous títulos: "A linguaxe e as linguas", cun limiar de Henrique Monteagudo, e "Olladas de futuro" (cubertas do pintor Leopoldo Novoa). De seguido apartecerá a "Filosofía da saudade", "Galicia" e un ou dous volumes de textos inéditos, resgatados por Miguel Barros na súa investigación. Son aforismos, apuntes, ensaios breves, que sen dúbida deitarán nova luz sobre o pensamento do escritor homenaxeado.
Xesús Alonso Montero prepara tamén un libro sobre Ramón Piñeiro, que sairá no primeiro trimestre deste ano, así como o traballo que realizou a profesora Beatriz García Rurnes para a colección "Letras Galegas", dirixida preferentemente ao público escolar.
Na colección Memoria publicaremos a correspondencia entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada, catedrático de Lingua Galega e Portuguesa da Universidade Central de Barcelona, un dos seus discípulos predilectos. Máis de mil páxinas de correspondencia cruzada, a través da cal poderemos seguir a crónica comentada dun período especialmente importante para a nosa cultura. A edición está a cargo da profesora Helena González, e a edición se realizará en colaboración coa Dirección Xeral de Creacion e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Á par destas publicacións, Merlín Comunicación prepara unha exposición itinerante sobre a figura de Ramón Piñeiro, que titularemos "Olladas de futuro" e que percorrerá as principais cidades de Galicia, como fixemos coa figura de Xosé María Álvarez Blázquez. A inauguración está previsto que sexa en Compostala contra finais do mes de abril ou principios do mes de maio. Os comisarios serán Henrique Monteagudo e Carlos Fernández.
A revista Grial prepara tamén un monográfico dedicado a Piñeiro, con colaboracións de Damián Villalaín, Justo Beramendi, Carlos Fernández, Henrique Monteagudo, Miguel Barros e Ramón Villares, entre outros. Tamén haberá un Caderno Extraordinario especial, con fotografías, biografía e documentos, similar aos que no seu día publicamos sobre Xohán Ledo, Xosé María Álvarez Blázquez ou Álvaro Cunqueiro.
No catálogo da editora hai unha ampla mostra da produción do intelectual galeguista e dalgunhas mostras da correspondencia que mantivo durante toda a súa vida con distintas personalidades da cultura galega: Xosé Luis Allúe, por exemplo, na colección Memoria. Nesta mesma liña o Centro de Estudos Ramón Piñeiro ten no prelo a edición das cartas entre o noso autor e o profesor Filgueira Valverde. Son algunhas novidades para un ano que se presenta especialmente interesante e que deberá dar pé á reflexión, ensaio, interpretación e opinións sobre unha das figuras que máis poderosamente influiron no discurso da Galicia contemporánea.