Galicia toda celebra o Día das Letras Galegas. A Galicia de dentro e a Galicia de fóra (que tamén está dentro de nós): asociacións cívicas e culturais, institucións públicas, centros docentes,escritores/as e lectores/as, medios de comunicación, editoriais, centros comerciais… Dende as aulas do Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires aos lectorados de Heidelberg ou as asociación culturais de Bruxelas. Dende os modestos libreiros que saen á rúa ou engalanan os seus escaparates estes días ás iniciativas de mercadotecnia das grandes superficies comerciais. Por que non? A casa é de todos os que queiran habitala, aínda que sexa por unhas horas.
Dende aquela primeira iniciativa na Academia, promovida por Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesus Ferro Couselo en 1963, ata os nosos días, moita auga correu pola canle do muíño. Temos que dicir que para ben. Con moitas dificultades, con moitas contradicións, con trasacordos e algúns desencantos ("Un paso adiante e outro atrás, Galiza", cantou Díaz Castro), mais con esperanza. Con moita esperanza. E sobre todo, coa ilusión, o esforzo e a xenerosidade de centos ou miles de profesores, animadores culturais, libreiros, mediadores, familias conscientes, mozos e mozas, rapaciños e rapaciñas novos, profesionais variados, xente toda do común, que son os que verdadeiramente fan o país (e a cultura) todos os días. Tamén a lingua nosa, esa flor das marabillas!