Contamos para iso con tres especialistas destacados: Alfonso Blanco Torrado (presidente da Asociación Xermolos de Guitiriz), Luís González Tosar e Armando Requeixo, quen recentemente leu a súa tese de doutoramente sobre o autor de Nimbos na Universidade de Santiago de Compostela.
Nimbos, editado por Galaxia en 1961, e fixado definitivamente o texto do poeta na colección Dombate, é sen dúbida a obra de referencia desta celebración. A maiores, Armando Requeixo preparou este ano a Vida e obra de Díaz Castro, que publicamos na colección Letras Galegas, e mais a Poesía galega completa, que se presentará proximamente en Lugo coa colaboración da Deputación provincial.
Dende hai meses circula por Galicia (polas bibliotecas e centros escolares sobre todo) a exposición "Nimbos de luz", patrocinada pola Consellería de Cutura da Xunta de Galicia, comisariada polos tres especialistas antes citados. Complemento desa exposición é a fotobiografía que esta mesma semana presentamos na RAG, Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz, que inclúe un documental (DVD) de Xosé Antón Cascudo, O instante eterno, cunha duración de 60 minutos.
De acordo cos herdeiros do poeta, Editorial Galaxia ofreceu ademais os textos de Nimbos para a súa divulgación alí onde iniciativas editoriais ou particulares quixesen facelo. Desa maneira presentarase proximamente a edición en éuskaro, en portugués, en italiano, en ruso e en inglés deste libro, así como iniciativas varias nos medios de comunicación e versión musicais ou cantadas dos seus poemas, realizadas por diferentesartistas.