Malós Cabrera

Categoría: Recensión

Son ben poucos abofé os libros que na nosa lingua abordan dun xeito vivencial o embarazo e mais a maternidade, circunstancia ou estado que paradoxalmente tanto se repite e segue a estar presente no decurso das nosas vidas. Porén, e grazas a esta nova achega de Inma López Silva, a devandita precaria oferta vese felizmente enriquecida. A escritora, na súa obra máis persoal e íntima, utilizando a acaída fórmula dun diario, literaturiza e partilla connosco todas esas novas impresións e cambios que vai experimentando ao longo dos nove meses da súa preñez.

Trátase dun texto de moi doada e amena lectura, cunha linguaxe directa e coloquial, que flúe áxil e espontánea. As máis das situacións e emocións que describe están expostas con enxeño, ironía e mesmo certo desenfado. Alén disto, cómpre salientar e agradecer que no libro non se exalta a maternidade dun xeito idealizado e sentimentaloide, como adoita acontecer noutras obras ao uso. Pola contra, aquí se aborda cun posicionamento realista, desmitificador e reflexivo. Lúcida e confesa feminista, Inma, cuestiona e tenta redifinir este estereotipado mito feminino, tan extendido tradicional e socialmente, avogando e defendéndoa como unha experiencia opcional e non limitadora doutras facetas da súa realización persoal. Algo que a autora reivindica e confirma, logo da feliz chegada de Sofía, ao confesarnos que do que máis gusta da cativiña é "da súa calma inmensa para estar ao meu carón mentres escribo".

Por todo isto, e por moitas outras razóns que a limitación de espazo non permite expor máis de vagar, recomendo a grata lectura desta nova obra, tan positiva e esperanzadora. A ver se así se animan as/os que aínda poden tomar exemplo, que boa falla fai, nun país coma o noso, que salienta ano tras ano nas estatísticas polo seu crececemento vexetativo negativo…

Comparte nas túas redes sociais ou por email