Presentación de ‘Nimbos de luz’

Categoría: Nova

A monografía, publicada por Galaxia coa colaboración da Xunta de Galicia, achega unha visión panorámica a xeito de fotobiografía á vida e obra de Xosé María Díaz Castro.
O acto, celebrado na Academia, contou coa presenza, entre outros, do presidente desta institución, Xesús Alonso Montero; do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; do reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do director da editorial Galaxia e membro de número da Academia, Víctor Freixanes; dos editores da obra presentada, Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, así como do autor do documental O instante eterno incluída na mesma, Xosé Antón Cascudo, e de varios membros numerarios da Academia.
Na súa intervención, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, salientou o grande valor didáctico da obra presentada que achega unha prolixa relación cronolóxica da vida de Díaz Castro, ademais dunha extensa galería fotográfica con imaxes do autor comentadas ao pé, tres estudos introdutorios á súa figura da man de Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Luís González Tosar, e o documental O instante eterno, realizado por Xosé Antón Cascudo.
O conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, subliñou no seu discurso a importancia da obra presentada, que ofrece unha visión panorámica sobre o decorrer vital e a obra dun escritor, Xosé María Díaz Castro, a quen definiu como "poeta sublime" e home "de escasas présas e nulas estridencias", que foi quen de transmitir mediante a súa escrita un acceso "á experiencia máis profunda do noso inconsciente colectivo".
"Díaz Castro é un autor especialmente relevante no noso catálogo", empezou declarando o director da editorial Galaxia e membro numerario da Academia, Víctor Freixanes, quen destacou na súa intervención o feito de que o único libro publicado en vida por este autor, Nimbos, saíse do prelo en 1961 precisamente so os auspicios de Galaxia, dirixida entón por Ramón Piñeiro. Freixanes recomendou tamén aos presentes recuncar na lectura do poema "Penélope", "un texto escrito en 1949 que conserva hoxe practicamente intacta toda a súa actualidade".
Os editores do libro, Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, así como Xosé Antón Cascudo, director do documental O instante eterno, ilustraron coas súas intervencións diversos aspectos sobre o proceso de composición dunha obra que empregou materiais gráficos atesourados, principalmente, polo arquivo da Asociación Cultural Xermolos, presidida polo propio Alfonso Blanco Torrado, quen manifestou a necesidade de espallar o gusto pola palabra escrita entre os máis novos, no actual contexto de imposición dos medios dixitais: "Este ano estamos descubrindo que a nosa mocidade ten verdadeira fame de poesía", concluíu.

Comparte nas túas redes sociais ou por email