Hoxe cúmprense 100 anos do nacemento de Dario Fo, unha das voces máis incómodas e necesarias do teatro. Autor, director e actor, fixo da sátira unha ferramenta de denuncia fronte ao poder, cunha obra marcada pola crítica social, política e cultural.
En Editorial Galaxia contamos no noso catálogo con Morte accidental dun anarquista, traducida por María Alonso Seisdedos. A partir de feitos reais, como as mortes de Andrea Salcedo e Giuseppe Pinelli, Fo constrúe unha comedia enxeñosa, que pon o foco na inxustiza, a represión e as contradicións do sistema. Porque, como el mesmo defendía, a risa tamén é unha forma de resistencia.
Este recordo chega ademais ás portas do Día Mundial do Teatro, unha data para reivindicar o valor do escenario como espazo de pensamento crítico, emoción e liberdade.
Dario Fo (Sangiano, Varese, 1926 – Milán, 2016). Autor, director e actor teatral, recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1997. En 1959 fundou, coa súa esposa, Franca Rame, a compañía teatral Dario Fo-Franca Rame, para en 1968 crear a compañía Nuova Scena, na procura dun teatro autenticamente popular, crítico, social e que fose politicamente eficiente, que se transformou no Colectivo Teatral La Comune, independente e autoxestionado, que foi obxecto dun atentado fascista en 1978. Escribiu e representou máis de de cincuenta obras, sátiras políticas reivindicativas contra o poder, o capitalismo, a mafia e a Igrexa.