No Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2026 reuniuse o xurado do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas e Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, constituído por Armando Requeixo, crítico literario, as escritoras Rosalía Morlán e, Sandra Ferreiro García; e Gabriel Romero de Ávila, escritor e gañador do I Premio Xosé Neira Vilas; contou coa presenza de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua, e Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas.

Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema “Ensino para místicas”. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta.
O xurado salientou a súa hipnótica recreación dun mundo fantástico arredor dunha escola de maxia na illa de Tambo. Ideada como unha homenaxe aos grandes relatos deste xénero, a historia amosa as narracións “dark academy” ao tempo que asenta una lectura en clave feminista e reivindicativa, recreando con habelencia a sociedade galega de comezos do século XX.
Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta, nado en Pontevedra en 1986, é un escritor e profesor galego. Publicou relatos en varios portais dixitais. Cursou o Máster de Edición Universidade Autónoma de Madrid-Taller de Libros e traballou no mundo editorial como lector de manuscritos, corrector, tradutor e tamén en prensa. En 2022 gañou o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta coa obra Cristais rotos.
Ademais, o xurado, escolleu como finalista, a obra presentada baixo o lema “Todo o que fixemos aquela noite” Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Irene Rega Jul.

Pola súa banda, o xurado, destacou desta obra a súa capacidade para introducirnos nun thriller poderoso protagonizado por un grupo de mozos e mozas que teñen que dar conta dunha morte sorpresiva. Narrada cunha estrutura calidoscópica, esta historia convence pola intensidade dos feitos narrados e a forza dos seus personaxes.
Irene Rega Jul, nada en San Cibrao en 1996 é una escritora galega. En 2022 resultou gañadora do Premio de Narrativa Illa Nova coa obra A malferida, tamén recibiu o Premio de Novela Vilar Ponte pola obra Tecendo Redes, novelas ambas publicadas pola editorial Galaxia.