Os lectores e lectoras coreanos xa poden ler a historia escrita por Xosé A. Neira Cruz e ilustrada por David Soler, 'Jan estivo alí' e coa que inauguramos a colección Árbore Arte.
Os editores de Kookmin Books apostan por un título galego para engrandecer un catálogo de álbumes ilustrados que se atopa entre o mellor do mundo.
Con 'Jan estivo alí¡ estamos diante dun libro de gran formato, no que arte e literatura van da man nunha historia singular que parte da premisa de que, dentro das grandes obras de arte habita un enigma. Un misterio chamado a perdurar ao longo dos séculos. Así sucede no marabilloso retrato do matrimonio Arnolfini, que Jan van Eyck pintou en 1434. No fondo do cadro hai unha sorpresa, e desa sorpresa naceu esta historia na que o texto, e a recreación que o ilustrador fai da obra clásica e doutros cadros antigos, dan como resultado un volume que está a sorprender a todos cantos poden velo. Agora, tamén, aos lectores e lectoras coreanos.