Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006
Inglaterra, finais do século XX. No medio da idílica paisaxe campestre, un colexio exclusivo acubilla os seus alumnos, protéxeos do mundo exterior, failles crer que son especiais, auténticos seres escollidos. Mais, por que están realmente alí? Kazuo Ishiguro, autor de The Remains of the Day, explora nesta novela as posibilidades da ficción a través dun relato que agacha unha verdade terrible. Non me deixes nunca é a historia dun destino inesperado, dun fado arrepiante que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz.

Kazuo Ishiguro (Nagasaki, Xapón, 8 de novembro de 1954) naceu no Xapón pero con apenas seis anos trasladouse a Londres onde segue a vivir na actualidade. As súas novelas caracterízanse por unha psicoloxía da angustia e o recordo do pasado, con escasos personaxes e un fío argumental débil, moi ao modo oriental. Tras publicar varios relatos e artigos en revistas, publicou a súa primeira novela en 1982, A Pale View of the Hills, pola que gañou o premio Winifred Holtby. A seguinte novela, An Artist of the Floating World (1986), valeulle o premio Whitbread de Literatura. The Remains of the Day (1989), levada ao cine por James Ivory, consagrouno definitivamente e por ela recibiu o Booker Prize 1989.