Coincidindo co Día do Libro, 23 de abril, Editorial Galaxia achega ás librerías dúas novidades de narrativa de autores estranxeiros. Trátase de dous títulos da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, publicada en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago. O novo libro de Kazuo Ishiguro, Nocturnos, e a última novela de Anna Gavalda, Unha bonita escapada.
Unha bonita escapada, publicado en Francia en novembro do 2009, está a ser unha das novidades máis lidas en francés nestes últimos meses. Nesta novela curta cóntase a historia de Simon, Garance e Lola, tres irmáns e irmás que escapan dunha voda que se anuncia especialmente anoxadora. Marchan en procura do máis novo da familia, Vincent, que é guía turístico nun recuncho perdido da campiña francesa. Esquecendo por unhas horas fillos, parellas, divorcios, preocupacións e obrigas sociais, deciden agasallarse por unha vez cunha auténtica e bonita xeira de liberdade. Anna Gavalda é a autora de Xuntos e máis nada, un dos títulos de maior éxito da Biblioteca Compostela, con 3 edicións, e foi Premio Novela Europea do Casino de Santiago no 2005.
Pola súa banda, Kazuo Ishiguro, tamén gañador do Premio Novela Europea no 2006 con Non me deixes nunca, propón a lectores e lectoras un libro de relatos escritos seguindo o leit motiv da música. Nocturnos, publicado en inglés en 2009, foi saudado moi favorablemente por críticos anglosaxóns do prestixio de Frank Kermode. Ishiguro explora neste libro as atomosferas creadas ao son de pezas musicais, nestes cinco relatos debuxa as relacións entre o amor, o paso do tempo e a música. Mozos soñadores, músicos de café e estrelas do espectáculo en decadencia, os seus personaxes interpretan neste quinteto narrativo as variacións dun tema obsesivo: manter acesa certa concepción romántica da vida mesmo cando, cos anos, as ilusións da mocidade desaparecen.