Castelao visto polos seus personaxes.
Esta é unha biografía un pouco diferente das que estamos afeitos a ler, pois a autora, cando estaba elaborando o texto, xuntando datos e redactando frases, tivo a idea de pedirlles aos personaxes creados polo propio Castelao que lle axudasen a contar algúns detalles da súa vida. Porque, a fin de contas, estes personaxes viviron moi de preto os pasos do grande autor, debuxante, político, pensador de Rianxo. Así foi como o Rañolas, Peito de Lobo, Pimpinela, o esquelete, Melchor e algún outro acudiron á chamada de Marilar. Pero —as cousas sempre teñen un pero—, estes personaxes ás veces non conseguiron poñerse de acordo, tendo cadaquén a súa propia idea de Castelao. Finalmente, despois de moito quentar a cabeza, a autora logrou que lle contasen unhas poucas lembranzas e acabar o libro. O resultado é o que tedes nas mans. Poderedes acompañar a vida dunha persoa da que nunca oirades falar así, a través dos seus personaxes. E por se fose pouco, quen ilustrou o texto é o propio Castelao. Seguro que despois desta lectura habedes querer saber máis del e decidiredes acudir aos libros que el mesmo escribiu: Cousas, Os dous de sempre…

A andaina poética de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) iniciábase a finais da década dos anos noventa coa publicación de Catálogo de velenos (Premio Esquío) e continuaba con Abecedario de árbores (2006) e Mudanzas (Premio PEN–
-Caixanova, 2007) —volumes recollidos en Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017)— ou Desescribindo (2016). Entre as súas achegas no eido da narrativa destacan As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela recoñecida co Premio Eduardo Blanco Amor e co Premio Nacional de Narrativa, e As bocas cosidas (Galaxia, 2025), co que este poemario dialoga.