As últimas galerías

16,00€

mercar

As últimas galerías

Xosé María Álvarez Cáccamo

Finalista Premio Arcebispo San Clemente 2016

Editorial Galaxia tira do prelo As últimas galerías, a primeira novela publicada polo poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, unha das figuras centrais da xeración lírica da década de 1980.

Despois de variadas incursións na literatura infantil e logo de publicar dous libros memorialísticos, o autor de Vento de sal dá ao prelo esta novela de evocación coa que pescuda nos enigmas do pasado que, como borranchos que van perdendo senso coa distancia, precisan volver a ser decodificados e rescatados desa liña de sombra na que aparentemente parece acabar por ensumirse toda existencia.
Algunhas das mellores páxinas do Cáccamo prosista atópanse neste relato de ausencias recuperadas e presenzas que se perden nas galerías últimas da vida. A capacidade descritiva, que no poeta é intuición para os símbolos, no narrador transfórmase en potencia para dramatizar as situacións, para illar e extraer delas os elos da cadea argumental, a sintaxe narrativa dos momentos e das vivencias ancoradas nun pasado que a memoria da anciá protagonista case non logra reter.
O narrador, que simultaneamente é personaxe, debrúzase nas situacións, pois para Cáccamo, coma para Jean-Paul Sartre, a novela é un teatro de situacións. O relato elabórase a partir dunha indeterminación radical da situación, xa que tanto en Sartre coma en Álvarez Cáccamo, os feitos son irredutibles mais non determinan a existencia. O paradoxo da liberdade, como escribe Sartre, é que "só hai liberdade nunha situación e só hai situación pola liberdade"; a situación caracterízase pola súa continxencia e pola súa ambigüidade. Ao depender da liberdade, a inserción do significado na existencia fai que esta deixe de ser un longo río tranquilo, pois a través do senso a liberdade quere fixar unha relación co mundo que ha de ser necesariamente indeterminada para dar lugar ao porvir e para producir o mundo. Na novela de Álvarez Cáccamo, esa acción libre sobre o porvir reconstrúese cara ao pasado, o significado é a verdade que se lles quere escapar entre os dedos aos personaxes e, se cadra, se a novela é efectiva, tamén se lle ha escapar a quen le. Pois cómpre "conducira […] vida por onde a levan as horas, sen proxecto, sen peso, sen medo".

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 204
  • Deseño : Rústica con lapelas
  • Dimensións : 135 x 210
  • Data Publicación : 2015-06-15
  • Colección : Literaria
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-9865-619-0
  • Edición : 1

Noticias relacionadas


Obras do autor en catálogo

tempoTempo do pai17,00€
ventoVento de sal11,50€

Actividades relacionadas


Novidades

os-fios-de-infantilOs fíos de infantilÁngeles e Isabel Abelleira Bardanca

pep caccamo

Álvarez Cáccamo, Xosé María
Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos, A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.

Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR