ON A BENDER

Categoría: Nova

Hoxe, a editorial Planet presenta en Cardiff (Gales) a tradución ao inglés, da man de Craig Patterson, bo coñecedor da nosa literatura, de A Esmorga, a novela de Eduardo Blanco Amor e baixo do título de ON A BENDER. O libro, sen dúbida un dos máis complexos de traducir de todo o canon galego, ve agora a luz nun dos sistemas literarios máis potentes de Europa. Deste xeito, a considerada por moitos mellor novela galega de todos os tempos, ponse ao alcance de millóns de lectores do mundo engrandecendo así os horizontes dunha literatura, a nosa, cada día máis internacional.
Craig Patterson explicoulle á redacción desta web que foi un proceso de tradución no que tivo que asumir, non sen traballo, os desafíos lingüísticos que Blanco Amor propón no texto. En palabras do tradutor, A Esmorga é "un texto lingüísticamente moi complexo, pois combina orixinais e creativos xogos de palabras cunha importante cantidade de localismos ourensáns a nivel expresivo e léxico". Isto, di Patterson, "supón un desafío total para o lector ou traductor non nativo".
Esta tradución ao inglés, como é lóxico, céntrase na derradeira versión publicada por Galaxia, é dicir, a que contén as partes eliminadas pola censura franquista no seu día e que foron recuperadas recentemente. Deste xeito, o inglés será a primeira tradución a outra lingua na que se poderá acceder ao texto completo tal e como foi escrito polo seu autor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email