Con motivo dun ciclo consagrado polo museo parisiense ás artes do libro, Toussaint monta unha mostra na que a fotografía se asocia ao vídeo, ás instalacións e ás intervencións do escritor e director de cinema coa finalidade de "evocar o libro sen pasar polo escrito".
Na exposición, o autor de Fuxir, novela de Toussaint publicada por Galaxia na Biblioteca Compostela, realiza unha reflexión sobre a lectura, o paso do tempo e a literatura. Para 'Livre/Louvre', Jean-Philippe Toussaint elaborou especialmente dúas grandes composicións fotográficas: Mardi au Louvre, na que evoca a vida do museo un día pouco corrente, o martes, día no que está pechado, e o retrato dun grupo de escritores contemporáneos libremente inspirado na 'Homenaxe a Delacroix', de Fantin-Latour.
De por parte, relacionando a eternidade do escrito e o efémero da lectura, o manuscrito de A esperar por Godot, de Beckett, sitúase a carón da oitava edición da Divina comedia, de Dante, ambos os dous presentados como contrapunto de nove tabletas electrónicas abertas coas traducións da Divina comedia en diferentes linguas.
Película sobre Fuxir e encontros na web
A exposición permanecerá aberta do 8 de marzo ao 11 de xuño e, paralelamente, na sala audiovisual do museo, proxectarase a película Trois Fragments de Fuir / Louvre (Tres fragmentos de Fuxir / Louvre), tríptico cinematográfico adaptado da súa novela Fuxir, interpretado por Dolores Chaplin e dirixido especialmente por Jean-Philippe Toussaint con ocasión da exposición.
Por outra banda, na páxina web do Museo do Louvre (www.louvre.fr), o escritor propoñerá varias citas, salientando os momentos cimeiros da súa exposición e ofrecendo aos internautas sorpresas visuais amais de encontros cos lectores.