O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Excmo. Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXXII PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes:
PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA
Os orixinais serán presentados por sextuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañadas dun CD no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 15 de maio de 2020 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra)
TERCEIRA
Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
CUARTA
O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
O gañador ou gañadora será notificado para que presente -cunha antelación mínima de dous días ao sinalado para a entrega do premio- os certificados dos organismos competentes de non ter débedas coas Facendas estatal e autonómica, nin coa Seguridade Social.
QUINTA
O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
SÉTIMA
Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA
O premio poderá ser declarado deserto.
NOVENA
O acto de entrega do devandito XXXII PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
DÉCIMA
O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo dun ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia.
UNDÉCIMA
Os textos non premiados poderán ser retirados no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, logo de presentación de solicitude de retirada asinada polo autor ou autora e identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.
DUODÉCIMA
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.