Con grande dor recibimos na Editorial Galaxia a nova do pasamento este martes de Xosé Luís Franco Grande, avogado e escritor galeguista crucial na historia do noso país dende a súa mocidade, cando, recén saído da universidade, se comprometía coa causa galeguista para implicarse en accións tendentes á recuperación do legado cultural, lingüístico e nacional do noso país. O nacemento da nosa Editorial, hai 70 anos, e os seus primeiros pasos, non se poden entender, tampouco, sen o seu traballo entregado e xeneroso.
Hai un par de semanas, saía do prelo a súa derradeira obra na nosa editorial titulada A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos. Con el faláramos estes días da presentación deste libro que, lamentablemente, xa non vai poder ser.
Hai dous anos, durante o acto de entrega do Premio Illa Nova de Novela, que organiza a nosa editorial, tivemos a ocasión de homenaxealo como un dos autores que, na mítica colección Illa Nova, publicaban os seus textos. Coa humildade da que sempre facía gala, recibiu o noso agarimo. Hoxe, facémoslle chegar a nosa dor pola súa ausencia e o noso agradecemento por tantas décadas de traballo dedicadas a Galicia e á cultura galega.
Foron milleiros as persoas que puideron achegarse ao galego por vez primeira a través do seu “Diccionario galego-castelán” que Galaxia publica no ano 1968. Deste libro lévanse vendidos máis de medio millón de exemplares. Aínda que se hai un libro esencial na súa abondosa e prolífica bibliografía ese vai ser Os anos escuros, verdadeira crónica testemuñal dunha época da nosa cultura, concibida, naqueles anos duros da posguerra, como unha resistencia que, a día de hoxe, aínda ten moito que resistir. Foi tamén articulista en distintos medios (incluso no mítico La Noche) e aínda hai un par de semanas publicaba o seu artigo periódico en La Voz de Galicia onde destacou como fino analista da realidade galega e internacional.
A súa desaparición deixa un oco difícil de encher. Dende a Editorial Galaxia transmitímoslle á súa familia e amigos todo o noso agarimo.