O vindeiro martes, día 21 de xaneiro, reunirase en Compostela o xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto. Optan ao premio, gañado na anterior edición por Xaime Subiela con Para que nos serve Galiza?, trece orixinais; o gañador será publicado por Editorial Galaxia na colección Ensaio e recibirá 3000 euros. O premio está organizado conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro.
Previa xuntanza do xurado, o gañador ou gañadora darase a coñecer nunha rolda de prensa que se celebrará ás 13'30 horas no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.