Xosé Ramón Barreiro, premio Trasalba 2010

Categoría: Nova

A executiva da Fundación Otero Pedrayo determinou por unanimidade conceder o Premio Trasalba 2010 ao historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente ata hai pouco da Real Academia Galega. O premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que anualmente se celebra na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, no derradeiro domingo do mes de xuño.
Este recoñecemento ten que ver coa súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica de continuidade que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega.
Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936) é unha das figuras sobranceiras da historiografía galega contemporánea. Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario, e doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese 'O campesiño galego no século XIX: economía e sociedade'. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia. Desde o 20 de decembro de 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da histórica institución. O seu paso pola RAG está considerado moi positivamente por todos os sectores da nosa cultura e sociedade. A súa obra histórica repártese en numerosos libros e estudos. Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galicia, entre outros 'O movemento obreiro en Galicia' (1990) ou os seus catro volumes sobre os séculos XIX e XX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email