Xosé Neira Vilas será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2027

Categoría: Nova

A Real Academia Galega escolleu este mércores 8 de xullo de 2026 o escritor Xosé Neira Vilas como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2027, recoñecendo así a traxectoria dun dos autores máis sobranceiros da literatura galega.

Nado en Gres, Vila de Cruces, en 1928, e falecido en 2015, Neira Vilas deixou unha obra fondamente marcada pola emigración, experiencia que viviu en primeira persoa na Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu Memorias dun neno labrego, publicada en 1961, unha das obras máis coñecidas, reeditadas e traducidas das letras galegas.

En 1957, en Bos Aires, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda fundaron a libraría-editorial Follas Novas, un referente da cultura galega na Arxentina. Con este selo sairía, en 1961, a primeira edición de Memorias dun neno labrego, obra fundamental da nosa literatura.

A vida e a obra de Neira Vilas non poden entenderse sen a presenza da tamén autora e tradutora Anisia Miranda, compañeira infatigable de vida e obra. Nacida en Ciego de Ávila, Cuba, en 1932, e falecida en Gres, Vila de Cruces, en 2009, Anisia foi filla de emigrantes ourensáns e estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana. En 1953 trasladouse a Bos Aires, onde casou con Xosé Neira Vilas en 1957, ano no que ambos fundaron a libraría Editorial Follas Novas.

A mestría narrativa de Neira Vilas amósase en Memorias dun neno labrego e noutros moitos títulos que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega. A súa obra permite achegarse á lectura desde as idades máis temperás ata o lectorado adulto, con libros como O cabaliño de buxo, Espantallo amigo, A marela Taravela, De cando o Suso foi carteiro, Cartas a Lelo, Lar, Nai, Pan ou Co pai, entre outros.

A vida e a obra de Neira Vilas están atravesadas pola memoria da emigración, pola defensa da cultura galega e polo vínculo entre Galicia e América. O autor soubo construír unha literatura próxima ao pobo, ás aldeas, ás vilas e á realidade dunha Galicia que atopou na súa escrita dignidade, identidade e recoñecemento.

Membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Neira Vilas recibiu ao longo da súa vida numerosos galardóns, entre eles a Medalla Castelao en 1988, o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010 nos Premios da Edición da AGE, o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras en 2014 e a Medalla de Ouro de Galicia en 2015.

Editorial Galaxia conta cunha Biblioteca Neira Vilas que reúne 19 títulos, cunha escolma da súa prosa, ensaio e memorias máis relevantes. A editorial leva anos colaborando na recuperación da súa obra, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas, contribuíndo á difusión dun legado esencial para comprender a nosa literatura.

Nos anos que pasou en Galicia, Neira Vilas visitou numerosos centros de ensino e bibliotecas, achegando a súa obra e o seu amor pola cultura galega a varias xeracións de lectoras e lectores. Agora, a sociedade galega volverá render homenaxe a un autor esencial, un home bo e xeneroso que fixo da literatura unha forma de memoria, compromiso e futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email