A Academia Xacobea, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e co patrocinio de Aluminios Cortizo, convoca o IV Premio de Novela Camiño de Santiago, co obxectivo de promover e divulgar, a través da narrativa, a riqueza e a pluralidade de significados do fenómeno xacobeo.
O certame está aberto a todas as persoas autoras que desexen participar cunha única obra orixinal e inédita, escrita en galego ou castelán e axustada ás normas lingüísticas correspondentes. As bases establecen que non se admitirán obras premiadas noutros concursos nin textos total ou parcialmente elaborados con ferramentas de Intelixencia Artificial Xenerativa.
As obras deberán ter como tema referencial o Camiño de Santiago, presente de maneira notoria na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria. Poderán presentarse novelas, relatos e conxuntos de relatos, cunha extensión comprendida entre 150.000 e 250.000 caracteres con espazos.
O premio está dotado con 3.000 euros, suxeitos ás retencións legais aplicables, e incluirá diploma acreditativo. A obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia en galego, como un título máis do seu catálogo, e en castelán como publicación dixital dentro do selo Mar Maior. A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos de primeira edición, publicación, distribución e explotación do texto gañador en ambas linguas, en exclusiva para a Academia Xacobea.
As persoas participantes deberán remitir as súas obras antes do 25 de novembro de 2026 á sede da Academia Xacobea, no Edificio CEM da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, seguindo as indicacións fixadas nas bases para a presentación en papel e en soporte dixital.
O xurado estará composto por cinco personalidades do mundo literario designadas pola Academia Xacobea, unha delas en representación da Editorial Galaxia. A composición do xurado darase a coñecer na páxina web da entidade antes da súa reunión.
O fallo será inapelable e farase público o 30 de decembro de 2026. A entrega do premio terá lugar nun acto oficial en 2027, unha vez publicada a obra premiada, coa presenza de representantes da Academia Xacobea, das institucións colaboradoras, da empresa patrocinadora, da editorial, dos membros do xurado e da persoa gañadora.
A convocatoria establece tamén que non se manterá correspondencia sobre a documentación presentada e que os orixinais non premiados serán destruídos despois da publicación da resolución. A participación implica a aceptación íntegra das bases.