O martes 7 de xullo, celebrarase, ás 20 h, na Feira do Libro de Vigo, un encontro con Brais Lamela arredor de A lingua estranxeira.
Acompañando a autora, estará Marcos Calveiro, director xeral de Editorial Galaxia.
“A lingua estranxeira” propón unha viaxe por unha terra allea na que dous mozos procuran un antigo asentamento colonial, mentres foxen dos incendios e buscan acubillo en hoteis perdidos na selva. A partir desa procura, a novela abre un mundo narrativo expansivo onde conflúen diferentes voces, tempos e historias.
A medio camiño entre a crónica íntima e a novela histórica, a obra aborda cuestións como a arte e a restitución, a violencia colonial e a linguaxe como forma de arruinar e recompoñer mundos. Unha novela polifónica e valente, sostida pola alternancia de catro liñas narrativas, que mestura tradicións para erixir, nas fronteiras da literatura, o país impuro dos sen-nome.
Brais Lamela (Vilalba, 1994) estudou Literatura Comparada na Universidade de Brown, en Rhode Island, EUA, grazas a unha bolsa de estudos. A súa primeira novela, “Ninguén queda” (2022), acadou o Premio da Crítica en Lingua Galega e o Premio El Ojo Crítico de RNE á mellor obra de narrativa escrita por un autor español menor de corenta anos. “A lingua estranxeira” é a súa segunda novela.