“Lovers”, unha viaxe literaria polas emocións humanas

Categoría: Nova

Amor, desamor, tensión, paixón, encontros e desencontros conviven nas páxinas de Lovers, a obra de Alberto Avendaño e María Xosé Porteiro, unha proposta literaria onde as emocións ocupan todo o espazo.

A través dun home e dunha muller, que poden ser tamén a mesma persoa en distintas etapas da vida ou da súa emocionalidade; a obra convida a explorar as luces e sombras das relacións afectivas. Os protagonistas poñen sobre a mesa as prendas do seu amor para descubrir tanto os seus gozos como as súas carencias.

Con humor, intensidade e unha fonda reflexión sobre os vínculos humanos, Lovers constrúe un percorrido por diferentes escenarios, desde Vigo e Santiago de Compostela ata Amsterdam, Buenos Aires, Nova York, Milán, Londres ou Washington. Unha xeografía vital na que se suceden encontros, despedidas e momentos que revelan a complexidade de vivir co corazón nas mans.

María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Xornalista e escritora, ocupou varios cargos de responsabilidade no Concello de Vigo, foi deputada no Parlamento galego e no español, dirixiu as delegacións da Xunta na Arxentina e O Uruguai (2007-2009) e creou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega. Adxunta á Valedora do Pobo (2019-2026), publicou ensaio, biografías e narrativa, e entre as súas obras destacan Covardes (2001), Sándalo (Galaxia, 2019), Tabiba (2023) e As benfaladas (Galaxia, 2024), entre outras.
 
Alberto Avendaño (Vigo, 1957) é escritor e xornalista. Formou parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente (1976-1983) e traballou para a RTVG e o CDG, antes de emigrar aos Estados Unidos, onde a súa obra se recolle en publicacións da Academia Norteamericana da Lingua Española. Publicou os poemarios Que hostia din os rumorosos? (2021) e CAOSMOS (2022), con Antón Patiño. Autor de literatura infantil, teatro e tradutor, recibiu os recoñecementos máis importantes da prensa hispana dos Estados Unidos, así como tres Premios Emmy da Academia da TV estadounidense. En Editorial Galaxia, ademais de libros infantís, publicou Maasai (2022).

Comparte nas túas redes sociais ou por email