Presentación de “A lingua estranxeira”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O venres 3 de xullo, ás 19 h, a libraría NUMAX, en Santiago de Compostela, celebrarase a presentación de “A lingua estranxeira”, a nova novela de Brais Lamela.

No acto, o autor estará acompañado pola escritora Berta Dávila.

“A lingua estranxeira” propón unha viaxe por unha terra allea na que dous mozos procuran un antigo asentamento colonial, mentres foxen dos incendios e buscan acubillo en hoteis perdidos na selva. A partir desa procura, a novela abre un mundo narrativo expansivo onde conflúen diferentes voces, tempos e historias.

A medio camiño entre a crónica íntima e a novela histórica, a obra aborda cuestións como a arte e a restitución, a violencia colonial e a linguaxe como forma de arruinar e recompoñer mundos. Unha novela polifónica e valente, sostida pola alternancia de catro liñas narrativas, que mestura tradicións para erixir, nas fronteiras da literatura, o país impuro dos sen-nome.

Brais Lamela (Vilalba, 1994) estudou Literatura Comparada na Universidade de Brown, en Rhode Island, EUA, grazas a unha bolsa de estudos. A súa primeira novela, “Ninguén queda” (2022), acadou o Premio da Crítica en Lingua Galega e o Premio El Ojo Crítico de RNE á mellor obra de narrativa escrita por un autor español menor de corenta anos. “A lingua estranxeira” é a súa segunda novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email