De onde xorden as historias? Que converte un episodio en literario? Que forza lle fai cobrar vida a un personaxe? Ao longo de Os ollos de K o lector irá atopando a resposta a esas e outras preguntas semellantes da maneira máis natural e convincente que un escritor lle pode dar: coas armas celmosas da súa narración. Porque Os ollos de K é unha novela que afonda no cerne do propio feito creador. E faino a través da historia dun escritor, Suso Paradela, que nun momento de crise fabuladora relata con todo detalle como está escribindo unha novela. Xustamente a novela que nós estamos lendo, nunha perfecta ilustración do que os franceses denominan mise en abisme. Descofiando da súa capacidade creadora, o personaxe do escritor bota man de dous colaboradores para que mediante as súas pescudas lle acheguen ideas e historias, reais ou mesmo inventadas, que el poida converter en relatos para o xornal ou en materia da novela que está escribindo. E desde ese punto, o argumento comeza a ensarillarse ante os nosos ollos.
Os ollos de K é unha festa da imaxinación literaria en estado puro. Cada detalle, por cativo que nos pareza, estoura nunha infinidade de historias que comezan no eido do real e sen que nos decatemos traspasan a sutil fronteira cara o imaxinario, ou á inversa. Calquera dato pode ser a orixe dun relato insospeitado, se cadra arrepiante. Configúrase dese xeito unha novela de tramas paralelas que se cruzan e entrecruzan unha e outra vez para ledicia do lector, atrapado desde as primeiras páxinas polo xogo de espellos que Riveiro Coello puxo en pé. A partir de aí, non temos máis remedio ca deixarnos guiar pola man esperta do escritor Suso Paradela e atravesar con el un labirinto narrativo ateigado de historias que van e volven e tecen unhas coas outras unha intriga sorprendente na que non sobra nin falta fío ningún. Ata que coma nos bos espectáculos de maxia, o autor decide poñer fin á representación, e ao lector, ao espectador, aínda marabillado polo que acaba de contemplar, só lle queda en mente unha pregunta: onde está o segredo para que o irreal se volvese verdade diante dos meus ollos?