“Os Kowa” está narrada polo personaxe que xa protagonizara unha novela anterior de Xavier Queipo, Malaria sentimental. Se naquela a peripecia sucedía en Camboxa, Os Kowa sitúase na selva amazónica. A novela comeza en Bruxelas, onde o narrador se interesa nun museo por un raro exemplar de bolboreta, do que se teñen poucos datos e que habita na selva do Amazonas, e segue en Copenhague, de onde parte a pequena expedición científica que se adentrará na selva do Amazonas para a súa investigación biolóxica con plantas e animais.
A partir de aí, unha vez que os personaxes chegan ao seu destino no alto Amazonas, comeza propiamente a viaxe. Coma en Conrad, en Álvaro Mutis e en todos os grandes escritores de viaxes literarias, o personaxe de “Os Kowa” non sae indemne da aventura. O narrador irá descubrindo no curso da súa viaxe polo río o que el apenas sospeitaba sobre o ser humano. Con ese coñecemento irá accedendo á descuberta das súas propias capacidades para o sufrimento e tamén para o pracer, ao tempo que se cuestiona as convencións que alicerzan a sociedade da que partiu. E isto faino Xavier Queipo nunha novela cuxa narración decorre nun estilo caudaloso, enfeitizante, produto dunha retórica elaborada que non decae en ningún momento.