Xosé de Cea gaña IV Premio de Novela da Galicia Rural con “Nacional 547”

Categoría: Nova

No día de onte reunido telematicamente o xurado a da IV Edición do Premio de Novela da Galicia Rural convocado Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaria Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, composto por Tania Vázquez García, Armando Requeixo Cuba, Óscar Reboiras Loureiro, Alba Gil Vicente, Marcos Calveiro e, como secretario en nome do concello de San Xoán de Río, con voz pero sen voto, Miguel García-Fernández, acordou por maioría de votos conceder o premio a obra presentada baixo o título Nacional 547.

Unha vez aberta a plica resultou da autoría de Xosé de Cea, nado en Barcelona en 1970,  quen exerce a escrita en diversos ámbitos como poesía, narrativa e xornalismo. Traballou para La Voz de Galicia e o Sindicato Labrego Galego, editando máis de cen números do voceiro desta organización agraria, Fouce. Ademais, colaborou con xornais e revistas como A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública.

A súa obra publicada reflicte tamén esta diversidade. En poesía, Presenza da fenda (I Premio Letras de Cal, 2001), Solsticio de río (accésit no XVI Certame Francisco Añón, 2010), Vilareda (2018) e Versos para alén da ponte (2020). En narrativa infantil e xuvenil: O lume dos soños (I Premio Meiga Moira, 2004), Revolución Detrito (finalista do XII Premio Raíña Lupa, 2019) e En terra rara (finalista do IV Premio Agustín Fernández Paz, 2021). Como xornalista, a crónica O que estou a dicir cando digo «Altri Non» (2025). Publicou tamén en Editorial Galaxia a novela Coimbra (2023) na súa colección Literaria.

En palabras do propio autor Xosé de Cea, “Nacional 547, máis que unha estrada, é a vea aberta pola que se desangra en hemorraxias de arela e frustración a vida dun adolescente na Palas de Rei dos anos oitenta. O mozo retorna dende Barcelona cos seus pais a unha vila rural que para el será un territorio de exilio cuxas coordenadas lle resultan incomprensibles. Atoutiñante e desorientado, irá descifrando a existencia na procura de redención grazas aos códigos achados na amizade e na traizón, no sexo e no desamor, nas drogas, na violencia, na soidade, na literatura, no rock… Un relato iniciático adubado con pornografía, heavy metal e Goma 2 que non deixará indiferente a ninguén.”

Comparte nas túas redes sociais ou por email