Xosé Carlos Caneiro

Categoría: Recensión

Poucas veces sentín tanto gozo coa edición dun libro. Emocioneime ao acariñar coas miñas mans o texto que hoxe comento. Parecía que era Ulises, en volume Gutenberg, quen estaba fronte a min. Contemplaba o perfil de James Joyce na capa do libro magno, antiparras redondas, barba rala, peiteado cara atrás, man dereita caída e a esquerda apoiada levemente no seu colo. A mirada melancólica. E a melancolía de James chegou a min coma dardo envelenado de amor. Iso sentín toda a miña vida diante deste libro primordial, elevado, excelsitude suma de todos os talentos. Pero hoxe chegaba a min na lingua de Nós. Iniciaron a empresa hai moitos anos dous célebres ourensáns. Un aconsellou ao outro para que traducise o "Ulises". O conselleiro era D. Vicente Risco; o tradutor, D. Ramón Otero Pedrayo. Galaxia removeu as entrañas da historia da literatura e acometeu esta empresa furiosa de talento, prodixiosa, como un urro na tea de araña máis íntima do país dos galegos. Aquí reside a mellor literatura que eu coñezo e unha biblia apócrifa de teoría literaria. Aquí reside a brillantez, creatividade e capacidade do ser humano para alzar o portento da re-creación. Permítanme que esta columna sexa só un encomio, un aplauso, unha loa a quen ousou nestes malos tempos para a cultura, definir, publicitar, editar, distribuír, defender esta novela singular e única. Víctor Freixanes comanda a nave de Galaxia e nel quero evidenciar as miñas felicitacións. Pero sería inxusto non citar o traballo meticuloso, exacto, esforzado e pleno de vigor intelectual dos tradutores. Para eles o meu maior recoñecemento e gratitude. Son Joyceano de adopción e posuír, por fin, no "meu" idioma un dos "meus" libros predilectos é un galano para este xaneiro de Reis. Non podían traerme os Magos un libro máis agardado. Escribín nunha das moitas veces que escribín de Joyce: "Non se trata simplemente dunha evocación moderna da "Odisea" de Homero, ou unha innovadora proposta estética onde o monólogo interior acada dimensións canónicas. O Ulises é para min o primeiro texto literario onde a linguaxe é tamén protagonista, tanto como Bloom, Molly, Dédalus ou Dublín. Estamos diante dun texto que se articula en torno á metáfora, simplemente: o sexo, as cuestións relevantes do existir, a morte, o nacionalismo irlandés, a filosofía ou a propia literatura (…) Unha aposta estética insuperable e terminante". Grazas no meu nome e, seguro, en nome dos galegos que amamos a literatura. Dixen e digo, viva Ulises!

Comparte nas túas redes sociais ou por email