Os Premios da Cultura Galega, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resolvéronse hoxe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Alí, sóubose esta mañá que entre os agraciados estaban nomes moi queridos en Galaxia: Xohana Torres na categoría de letras, Uxía Senlle na de música, o proxecto Apego na de lingua e Cristina Pato na de proxección exterior.
Xohana Torres (1931-2017), autora fundamental para a renovación da literatura galega na segunda metade do século XX, deixábanos hai algo máis de dúas semanas, e dende entón as mostras de admiración e cariño véñense sucedendo na prensa escrita e nas redes sociais. Narradora, dramaturga e poeta imprescindible e personalísima que comezou publicando na colección Illa Nova e que fornecería o catálogo de Galaxia durante décadas, Torres recibe así un recoñecemento póstumo ao conxunto da súa obra.
Cunha longa carreira artística ás costas como cantante, produtora musical, e implicada en todo tipo de proxectos para a difusión da cultura galega, Uxía é un referente indiscutible da renovación na música popular. En Galaxia tivemos a sorte de colaborar con ela en multitude de ocasións, sempre dentro do marco da colección Sonárbore con traballos como Rosalía pequeniña, Canta o cuco en colaboración con Magín Blanco versionando poemas de Manuel María, e por suposto a través do premiadísimo proxecto de María Fumaça.
Tamén vencellado ao noso traballo en Sonárbore está o proxecto Apego, que en Música para o apego recolle as cancións de moitos dos artistas da nosa colección de libro+cd para que os máis pequenos canten en galego. Apego é un programa colectivo coordinado polos Servizos de Normalización Lingüística de varios concellos e creado para fomentar a transmisión do galego como lingua inicial.
Foi precisamente “a súa proxección internacional, a súa condición de representante dunha nova xeración de artistas comprometidos coa difusión da nosa cultura polo mundo e a calidade obxectiva da súa actividade artística e profesional” as que fixeron que no 2013 Cristina Pato fose recoñecida co Premio Trasalba, e as que agora se repiten ao concederlle este Premio da Cultura Galega.
Dende a Editorial Galaxia estamos felices de poder colaborar e recoñecer o valor destas mulleres e entidades que día a día colaboran connosco para facer país e espallar a nosa lingua.