No serán de onte, tivo lugar no Instituto Cervantes de Londres unha xornada dedicada á Editorial Galaxia no Día Europeo das Linguas, organizada en colaboración coa revista Brit Es Magazine, e que congregou a moitos interesados ata se esgotaren as prazas. No acto, participaron o director xeral da editorial, Francisco Castro, que ofreceu para o público londiniense unha visión global do estado actual de Galaxia e da súa traxectoria histórica; o escritor Xavier Alcalá, que achegou a súa experiencia como autor traducido para varias linguas e que quixo destacar tamén o papel fundamental que Galaxia tivo na unión das xentes na diáspora; e a tradutora Sarah Burne James, que axudou ao público a poñerse en contexto a través dunha breve aproximación á literatura galega partindo de obras traducidas para o inglés.
Unha experiencia inesquecible e que agardamos se repita no futuro, unha xornada para demostrar a importancia das nosas letras no mundo, o papel central da tradución como unha ferramenta de normalización lingüística e prestixio cultural.