O alumnado do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo visita a Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Hoxe recibimos nas instalacións da editorial Galaxia en Vigo a un grupo de estudantes e profesores do Instituto arxentino galego Santiago Apóstolo de Bos Aires, que se atopan estes días facendo unha visita polas catro provincias galegas prestando especial atención a lugares claves da nosa cultura e institucións. Nesta casa, estivo para recibilos o noso director de produción Xosé Soutullo, co que conversaron sobre a historia de Galaxia, autores claves como Eduardo Blanco Amor, a importancia de Bos Aires como “capital do libro galego” na posguerra, e outras curiosidades acumuladas polos rapaces nos seus últimos días de viaxe. Tamén se fixeron abondasas referencias á ascendencia galega da maioría dos alumnos, e tivemos a ocasión de comprobar o seu dominio da nosa lingua. Ademais, a Editorial Galaxia agasallounos con dous exemplares de O sol do verán de Carlos Casares e Guedellas de seda e liño de María Victoria Moreno, autores homenaxeados coas Letras Galegas en 2017 e 2018, respectivamente. Pola súa banda, as alumnas e alumnos, e os seus profesores Sandra Vázquez e Renato Sanguinetti, agasallaron a Galxia cunha augada de Rafael Gil e convidáronnos a visitalos de novo nas súas intalacións en Boas Aires. Un gusto recibir estes falantes futuros e promotores da cultura galega no estranxeiro!

Comparte nas túas redes sociais ou por email