Xerar xenreira

Categoría: Opinión

Non é fácil comprender, se non é por inconfesábeis principios antigalegos de quen exerce o poder, que sexa a propia administración autonómica a que propicie para este principio de curso tal volume de crispación arredor dos usos lingüísticos no ensino. A relativa pax romana que se viviu até agora nos centros educativos, a pesar dos flagrantes incumprimentos lexislativos no uso do idioma propio, dá paso nesta nova etapa a un escenario de confrontación que para nada lle acae a esa normalidade que precisa o ámbito escolar e, moito menos, a que lle cómpre a unha das linguas, a nosa, que, en palabras dos textos legais, precisa de especial coidado e atención.

Se ao que acontece no ensino lle sumamos as restricións nas políticas de promoción e edición do libro en galego, ou os recortes nas axudas aos medios de comunicación expresados no noso idioma, as cousas manteñen unha liña coherente: erosionar os ámbitos de expansión normalizadora é o obxectivo; xerar xenreira, o medio.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email