Marcelo o morcego, avivador de memoria
Do tempo da curiosidade máxima extraio momentos nos que saía na procura de vagalumes de ventre luminoso, os paseos polo territorio das avelaíñas, que procuran o engado da luz, e a intuición marabillosa dos primeiros morcegos movéndose no seu voo sincopado polo espazo aéreo que delimitan as matas de bambú (hoxe decimadas). Daquela nenez sen escándalos gardo a lembranza dos morcegos como animais simpáticos movéndose na fronteira entre a escuridade e o medo.
Sería logo, xa de mozo, cando as lecturas de contos terroríficos e os filmes que viamos co alento de anguria prendida tras dos ollos os que me levarían a mudar de actitude nunha identificación dos morcegos como seres do averno e do alén mundo, como seres repugnantes e malignos, chuchando sangue nas gorxas e violentando virxes de ambos os dous sexos.
Tempo levou regresar aos morcegos amigos, simpáticos acróbatas do aire. Foi nun parque de Sidney, case nas antípodas do territorio propio, vendo evolucionar uns morcegos fruxívoros, que comían froitos e non supuñan risco algún nin para os homes nin para os animais, que botaban por terra o estereotipo de animais perigosos e repugnantes, aquel que identifica morcegos con animais que chuchan o sangue e transmiten enfermidades fatais.
Pasou o tempo, que todas as ideas fai mudar e revoluciona e din cun conto infantil, o de "Marcelo o morcego".
Marcelo rebélase contra todas as imposicións familiares (contra todos) e contra o que se supón que un morcego gris ten que facer (contra todo) e como paradigma dese rexeitamento come grelos en troques de comer insectos. Non sabemos ben se foi a crise o que o fixo vexetariano (tanto ten) e non vou caer no engado de extraer virtudes didácticas dun conto. Cunha prosa rimada e economía de medios estilística, típica dos contos para nenos onde o que se persegue é o entretemento e non a experimentación literaria, Beatriz Fraga Cameán axudoume (e supoño que o fará con outros) a atoparlle as voltas a Marcelo, que de tantos grelos que comeu virou do gris cinsento ao verde ervella. Os debuxos de Alfonso da Silva, pura liña clara, van nesa escola que humaniza as formas animais, explotada pola factoría Disney que fixo do rato Mickey, ou do can Goofy, os favoritos dos nenos. "Marcelo o morcego", cos seus lentes de sol e as súas ás transformadas en capa de super-heroe, pode prender así no imaxinario colectivo infantil. Por iso, anímase aos autores (a Beatriz e mais a Alfonso) a que continúen o proxecto con novas entregas (aventuras) de "Marcelo o morcego".
"Marcelo o morcego" é, pois, libro para nenos grandes e pequenos. A este lector, xa maduro, fíxolle rescatar dos arquivos da memoria noites de vagalumes e avelaíñas, de concertos de grilos e voos aleatorios de morcegos, se cadra tamén de estrelas fugaces e desexos. Conto, pois, para lle ler aos nenos, na cabeceira do leito, para lles quitar da cabeza ideas terroríficas e devolverlles imaxes doces, para preparalos para a vida onde nin todo é racional, onde nin todo é branco ou negro e onde de tanto comer flores azuis, uns cangrexos poden ser azuis e se o que comen son flores vermellas, eles poden vermellos… ou non.
Benvido, Marcelo ao imaxinario posíbel, o do morcego que come grelos e gaña a vida de empresario rural.
Xavier Queipo
Vigo, 22 de xullo do 2009