Métodos de lectura

Categoría: Opinión

A cotío os creadores son interrogados polo seu método de traballo e, das súas respostas, dedúcese un tratamento da materia diverxente que se divide entre os que optan pola acumulación (engadir elementos até completar a obra, como procede no origami onde, como di Erik Demaine -máximo experto nesta arte-, cada vez que se lle fai un pregue a un papel cámbiaselle irreversiblemente a súa memoria) e os que prefiren a vía depurativa (eliminar o sobrante, ao xeito de Michelangelo Buonarruoti, até a evidencia da figura oculta no corazón do mármore).

Mais no caso da lectura, cales son os mecanismos que poñemos en marcha á hora de entender o escrito? Teño para min que esta actividade aúna os dous estilos creativos xa que, por un lado, hai que eliminar o que vela a medula do texto e, polo outro, arriquecemos as palabras coa sabedoría cultural e sensitiva que enche o noso fardel. Só así se chega á entraña da linguaxe. Por iso o lector suma e resta até obter a cifra exacta, o perfecto número áureo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email