Despois de estar dispoñible, dende maio, na “Cidade Alta”, como adoitaba nomear a poeta á súa querida Coruña, a exposición sobre a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano visita a cidade olívica.
Onte celebrouse, no Museo do Mar de Galicia, a inauguración da exposición Luísa Villalta. A música das palabras. Unha mostra promovida pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, comisariada por Xesús Domínguez Dono; deseño e maquetaxe de Hayat Husein; e producida por Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia). Estará dispoñible ata o domingo 1 de setembro.
No acto, participaron o comisario, Xesús Domínguez Dono; a nai da homenaxeada, María Gómez, a súa irmá, Susana Villalta; a directora do Museo do Mar, Marta Lucio; o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
A exposición sobre Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), protagonista na festa das Letras, repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora co fin de axudar a comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.
O proxecto componse de 14 paneis que repasan, mediante textos divulgativos e unha ampla información visual, a súa traxectoria vital, intelectual e profesional, facendo parada especial na súa relación coa Coruña, con versos dos seus poemarios e fotografías de Xurxo Lobato.
Os paneis compleméntanse con mesas-vitrina, documentación e obxectos relacionados coa poeta, que completan a información.
Celebramos a súa palabra “con tinta de mar”.