Xa nas librarías o novo libro de Riveiro Coello

Categoría: Nova

Xa está nas librarías a última novela de Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, na que autor ourensán conta a historia de Janis, quen na Compostela de 2012 se enfronta a un difícil presente, o da crise económica, ao tempo que sente a necesidade de coñecer o seu pasado, as razóns dunha existencia da que non albisca futuro. En Os elefantes de Sokúrov, Riveiro Coello cédelles a palabra aos personaxes para relatar unha historia de amor, suicidio, crise económica, creación, memoria e solidariedade. Trátase dunha historia coral na que a cidade de Santiago de Compostela ten, tamén, un papel protagonista. Antón Riveiro Coello presentará Os elefantes de Sokúrov aos lectores e lectoras o vindeiro mércores día 11 de novembro na libraría Couceiro de Compostela e o xoves 19 no paraninfo do IES Valle Inclán de Pontevedra.

Moi poucos novelistas conseguen transformar temas de actualidade coma os problemas da vellez, os desafiuzamentos, o traballo precario da mocidade e a pobreza nas rúas nun relato sobre o esencial da vida humana. Riveiro Coello é quen de o facer ao incrementar a capacidade de atracción das reviravoltas dunha trama coidada en todos os seus pormenores, co engado duns personaxes trazados de maneira vívida e cuns recursos literarios nos que a metáfora e o símbolo están ao servizo da narración. Os elefantes de Sokúrov é unha gran novela sobre o presente porque, desde o actual, nos fai concibir o tempo todo como un senso que libera.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos narradores de máis prestixio da literatura galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destacan A quinta de Saler (1999, 3a ed., finalista do Premio Torrente Ballester), As rulas de Bakunin (2000, 6a ed., Premio García Barros de Novela), Homónima (2001, 2a ed., Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa), Casas baratas (2005, 2a ed.), Os ollos de K (2007, finalista do Premio de Novela Europea Casino de Santiago), Laura no deserto (2011, 5a ed., Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG, Premio Frei Martín Sarmiento) e Acordes náufragos (2013, 2a ed.).

Comparte nas túas redes sociais ou por email