Presentación do libro "Barthes filósofo" de Luís G. Soto en Madrid

Categoría: Nova

O premio Ramón Piñeiro de Ensaio2014 será presentado mañá xoves en Madrid nun acto na Casa del Lector ás 20 h.
O autor estará acompañado por José Miguel Marinas,
filósofo e escritor, quen desenvolerá un diálogo co autor e co público que queira participar no debate.
No libro, García Soto interpreta a produción bibliográfica do escritos, ensaísta e semiólogo francés como a dun filósofo auténtico. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Roland Barthes, o ensaio do docente debulla esa tese en clave semiolóxica. Para logralo, Barthes filósofo comeza cunha achega á vida do autor para axudar o comprender o contexto da súa obra. A partir de aí percorre en orde cronolóxica todos os seus libros, cuxos contidos son expostos, analizados e interpretados para tratar de xeito sucinto e sintético o seu traballo de crítica literaria, o seu labor como semiólogo, o xiro estético arredor do "pracer do texto" ou o seu rexistro máis próximo á ética.

Barthes filósofo foi merecedora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014 que organizan conxuntamente a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natura e o Centro Ramón Piñeiro. O seu autor é doutor en Filosofía pola USC e en Dereito pola Autónoma de Madrid. Dende 1989 é profesor titular de Filosofía Moral na Facultade de Filosofía compostelá, da que tamén foi decano entre 2005 e 2013.

Comparte nas túas redes sociais ou por email