Xa está en todas as librarías “Memoria do Vigo proletario”

Categoría: Nova

Xa está aquí Memoria do Vigo proletario. 50 aniversario da folga xeral de setembro de 1972, unha obra colectiva de Carlos Morais, Xavier Moreda, Isidro Román Lago e Anxo Padín.
Publicado na colección Ensaio, este libro, dedicado ao proletariado de Vigo, afonda no setembro vermello vigués, nunha folga que desafiou ao Franquismo. Do día 9 ao 26 daquel setembro de 1972 a clase obreira da cidade deixou os seus traballos, ata 25.000 traballadores, e botouse as rúas costentas a loitar  por uns dereitos que o réxime franquista negaba e non recoñecía. O que comezou coma un problema laboral en Citroën, polo despedimento de media ducia de empregados, rematou por se estender ás factorías máis emblemáticas da cidade olívica, Vulcano,  Reyman, Álvarez, Refrey, Barreras, ata  facer un total de 27. Foron 15 días de manifestacións, cargas policiais, represión política e laboral, días nos que mais de 6.000 traballadores recibiron cartas de despedimento. Ao remate da folga 400 deles nunca recuperaron os seus postos de traballo. Mais estas xornadas de loita foron semente, callando na conciencia de clase do proletariado vigués para as moitas loitas e reivindicacións que logo virían.
Galaxia quere unirse á conmemoración deste feito histórico, tan relevante na loita obreira viguesa e galega, publicando este libro, que ten por obxectivo divulgar entre as xeracións máis novas os sucesos que involucraron directamente unha considerábel parte dos habitantes da cidade e comarca, como aseguran os seus autores no limiar.
Esta é unha achega imprescindible para a memoria da cidade olívica, onde se analizan e esmiuzan con rigor e fervor aquelas xornadas históricas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email